A comunidade galega na rede social Twitter conseguiu o maior éxito até agora da lingua galega nas redes sociais internacionais. En homenaxe ao nacemento de Ánxel Casal e de Isidro Parga Pondal, ben como á morte do marechal Pardo de Cela, promoveuse unha campaña co uso da etiqueta (ou hashtag) #galega como marca identificadora o pasado venres dia 17. En algo menos de 40 minutos, conseguiuse colocar a palabra #galega entre os 8 temas máis falados no Estado español; en pouco máis dunha hora, xa estaba no máis alto… e continuou nos denominados TT (os top ten) durante máis de 24 horas. Na iniciativa participaron persoeiros da cultura e da literatura galega como Marcos Calveiro, Xosé Manuel Pereiro ou Xabier P.Docampo, entreoutros.
Claro que, como toda conquista, esta tamén abre un novo reto, que consiste en superar o conseguido o venres dia 17. A meta non pode ser outra que entrar no Top Ten a nivel mundial, feito que garantiría unha visibilidade para a nosa lingua e cultura sen precedentes no mundo dixital, e que sen dúbida despertaría o interese e a curiosidade de numerosos medios de comunicación internacionais que se nutren habitualmente das novidades xeradas no Twitter, rede social que xa conta con máis de 175 millóns de usuarios.
No hay comentarios:
Publicar un comentario