15 dic 2010

En marcha o segundo asalto para situar a palabra #galega entre os temas do momento en Twitter



A iniciativa farase o 17 de decembro das 16 ás 17 horas, conmemorando a execución de Pardo de Cela en Mondoñedo, o nacemento de Ánxel Casal e de Isidro Parga Pondal

O vindeiro 17 de decembro, entre as 16 e as 17 horas, a comunidade galega de usuarios da rede social Twitter buscará situar a palabra #galega entre os temas do momento (trending topics) de dita rede social, non só a nivel estatal senón de todo o mundo.
Para iso, GalegoLab e Radiofusión, a Rede Galega de Emisoras Municipais, promotoras da inicitiava, márcanse como obxectivo involucrar a uns 750 usuarios que, nesa franxa horaria, posteen cinco mensaxes cada un, para acadar así a cifra de 3.300 twits. Con ela, calculan, ingresaríase na lista de temas máis tratados.

A iniciativa busca divulgar a lingua galega entre os 250 millóns de usuarios que conforman a comunidade de Twitter, nomeadamente os episodios que levaron á execución do mariscal Pardo de Cela. Quere difundir tamén as experiencias vitais de Ánxel Casal e Isidro Parga Pondal como exemplos de compromiso á vez que dar visibilidade, especialmente no Brasil, da problemática da lingua galega.

O primeiro intento, un éxito

O primeiro intento para acadalo tivo lugar o 6 de outubro deste ano, cadrando co aniversario do primeiro mitin político en galego pronunciado por Lugrís Freire en Betanzos ese mesmo día no ano 1907.

Nesa ocasión logrouse poñer #galega como o tema do momento durante esa hora en España (e como o quinto máis utilizado do día), con máis de 1500 twits feitos por máis de 300 usuarios.

Desta volta búscase non soamente repetir o éxito da primeira tentativa -na que tanto xente anónima como nomes destacados da cultura galega empregaron a palabra en inxeniosas mensaxes de temática moi variada-, senón superalo e colocar #galega no máis empregado mundialmente.

No hay comentarios:

Publicar un comentario